11 oct 2012

EXPOSICIÓN - CATA DE VARIEDADES DE MAZÁ

O curso de coidado de froiteiras que vimos desenvolvendo en Baralla dende marzo ata hai un mes, deu de si moito. Non só deu de si en formación, en coñecementos, senón tamén nunha liña de traballo moi interesante a seguir no futuro.

As mazás do Val do Neira, non só polo seu nivel de produción, senón moi particularmente pola súa características, son mazás moi boas en cualidade, tanto para sidra como para mesa. Moitas das nosas mazás, e aquí incluímos non só as do Val do Neira, senón tamén doutras zonas dos Ancares, son variedades moi singulares, conservadas polos anos e as tradicións, e adaptadas ás condicións do territorio. 

Aínda que os estudos de variedades son moi extensos e detallados para Galicia, pode ser que haxa variedades locais no noso territorio que non estean todavía estudadas. E consideramos que é fundamental coñecer as nosas variedades de mazá para conservalas e cuidalas, e mantelas como unha opción produtiva.

Así é que derivado de todo o anterior, acordouse realizar un concurso, ou máis ben unha EXPOSICIÓN e CATA de variedades de mazá da comarca. Terá lugar o día da feira de Baralla, o vindeiro 18 de outubro, ás 10.30 horas, na praza maior de Baralla. 

O programa será o seguinte:

- 10:30 a 12:00 RECEPCIÓN DE VARIEDADES DE MAZÁS DOS PARTICIPANTES.
- 12.00 a 13.30 CATA E SELECCIÓN DE MAZÁS POR COMITÉ DE EXPERTOS
- 13.30 a 14.00 ENTREGA DE PREMIOS

Colaboran: Concello de Baralla, Asociación para o Fomento da Agricultura Ecolóxica (FAGRECO), Custom Drinks (Sidrería - Manzanova, Chantada). 
Financia: Proxecto Nuevos Horizontes, proxecto de cooperación interterritorial no marco da Red Rural Nacional.

No hay comentarios: